Blogia
GUÍA DE INFORMACIÓN ACADÉMICA E PROFESIONAL

PROBA PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DE BACHAREL

Proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Requisitos que deben reunir os participantes.

Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano natural en que se vai realizar a proba.

b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.

c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar en que se realicen as probas.

Estrutura da proba.

1. A proba organizarase de xeito diferenciado segundo as distintas modalidades de bacharelato.

2. A proba constará de dous exercicios, o primeiro deles dedicado ás materias comúns e o segundo, ás materias de modalidade.

O primeiro exercicio, que versará sobre as materias comúns establecidas no artigo 6 do mencionado decreto, terá como obxectivo valorar a madureza intelectual e a formación xeral do aspirante naquelas competencias que favorecen a aprendizaxe ao longo da vida. Será común para as diferentes modalidades e estruturarase en catro partes:

a) Primeira parte. Lingua galega e literatura.

b) Segunda parte. Lingua castelá e literatura.

c) Terceira parte. Lingua estranxeira.

d) Cuarta parte. Resposta por escrito a unha serie de cuestións relativas aos contidos das materias de Ciencias para o mundo contemporáneo, Filosofía e cidadanía, Historia da filosofía e Historia de España.

O segundo exercicio, diferente para cada unha das modalidades, versará sobre as materias de modalidade establecidas no artigo 7 do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. Avaliará o logro dos obxectivos propios do bacharelato e a adquisición das destrezas básicas das materias de modalidade, como a comprensión de conceptos, o manexo da linguaxe científica, a resolución de problemas e a capacidade de analizar, relacionar e sintetizar.

 

Aquí podes consultar máis información.

0 comentarios