A DEPUTACIÓN DE OURENSE CONVOCA BOLSAS DE PRÁCTICAS EN EUROPA PARA TITULADOS UNIVERSITARIOS
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou as bases reguladoras da primeira convocatoria de Bolsas internacionais 2011 para titulados universitarios, no marco do programa europeo Leonardo da Vinci. Nesta primeira convocatoria serán 37 as bolsas individuais que se concederán para estancias e prácticas laborais en empresas europeas.
Os beneficiarios deberán posuír titulación universitaria ou estar en condición de obter a titulación na data que remate o prazo de presentación de solicitudes. Tamén deberán posuír coñecemento dalgunha das seguintes linguas cun nivel suficiente para desenvolver unha práctica laboral axeitada ao seu grao de formación académica: italiano, francés, portugués, alemán e/ou inglés.
Asimesmo, requírese ter coñecementos de informática a nivel de usuario e non ter sido beneficiario anteriormente dunha bolsa do programa Leonardo da Vinci convocada pola Deputación de Ourense.
O formulario de solicitude de bolsas internacionais poderase obter e cubrir na aplicación informática: http://becasinternacionais.depourense.es. Previamente á validación, deberanse anexar, en formato electrónico, os seguintes documentos: formulario de solicitude; certificado de empadroamento; xustificante acreditativo de ter obtido o título académico no Campus de Ourense (Universidade de Vigo) ou no centro asociado da UNED en Ourense, e, de selo caso, certificado acreditativo da discapacidade do solicitante igual ou superior ao 33%.
0 comentarios